Рет қаралды 845
A GAITA DO RILO DE BETANZOS
Manuel Rilo Pardo alcumado “O Vello Rilo” ou "O Rilo de Betanzos" entre outros, naceu na parroquia de San Nicolao de Cis en 1829 e morreu na de Santo Tomé de Salto en 1907. Foi un dos máis sonados gaiteiros do século XIX. A súa familia conservou dende a súa morte, coma un tesouro, a súa gaita. Grazas a Neli e Xosé Manuel Río, os seus tataranetos, puidemos ter acceso esta gaita. Así que, continuando con esta teima de replicar e recuperar o son de todas as gaitas de fol que marcaron a nosa historia, (como as de Fermín de Grandas, Cogollu, Villanueva, Perfecto Feijóo, Xan de Campañó, Santalices, Juan Ferreiro, Juan Prieto Chimeno, Julio Prada, os Melos da Barreira, o Ti Carriço, o Tíu Pepe da Freixenosa, as de António Manuel da Silva de Lisboa e así ate 40 que levamos) durante o primeiro curso de fabricación fixemos dúas réplicas da gaita do vello Rilo, unha sen ronquillo, tal cual se conserva a orixinal, e outra con el, como aparece nalgunhas fotografías antes de que, polo visto, alguén llo roubara para fastidialo nun concurso. Xa tiñamos observado que os bos gaiteiros tocaron sempre gaitas excelentes, pero a verdade non agardabamos achar unha gaita deste nivel, creo que é unha das mellores que teño tocado, mágoa que os vídeos quer gravamos teñan unha grande limitación en transmitir o seu son, pero está aquí por se a queredes vir probar. O roncón ten unha potencia que poucas veces escoitei e o punteiro é super axil, nervoso como di meu amigo Cano, e moi potente, ademáis de requintear moi ben. Está perto de do sostido en modo de sol, ou sexa co sétimo grao rebaixado e con subtónica. Neste vídeo podedes escoitar unha melodía recollida en Betanzos que aparece no cancioneiro de Casto Sampedro co número 398 na sección de danzas de arquiños, fitas e paus.